Versión en castellano

Emilio Santos/ O pasado día 22 de xuño presenciabamos o comezo dun significativo ciclo de mobilizacións no sector do metal que se espallaban polas principais cidades e vilas industriais da provincia da Coruña. Significativo pois é a primeira vez que se organiza unha folga xeral neste sector dende fai 25 anos e contou na súa primeira convocatoria cun 90% de seguimento en toda a provincia, chegando nalgunhas localidades como Ferrol, Fene, Narón ou As Pontes ao 100%.

As razóns desta mobilización radican nun convenio inxusto e anacrónico que non responde ás demandas laborais dun sector que debería ser punteiro nunha provincia onde a metalurxia sempre tivo un papel crucial na reparación e construción de navíos. Pois as demandas feitas polos sindicatos, tales como a limitación da contraccións por medio das ETT’s, esas empresas que fan uso da desesperación para precarizar a niveis degradantes, ou por exemplo, volver incluír unha cláusula de revisión salarial que permita axustar o salario ao IPC (Índice de Prezo ao Consumo) dese ano e así garanta a dignidade das traballadoras. Por outra banda e estreitamente ligado á revisión salarial, está a oposición á conxelación salarial que mantén nunha situación de constante estancamento a vida das operarias do metal.

En toda a provincia as mobilizacións transcorreron cunha asistencia máxima que denota o compromiso e o fastío da clase traballadora no sector do metal. A alta participación explicase contrastando as negociacións de dous anos e medio e 17 reunións entre sindicatos e patronal cos limitados avances no recoñecemento dunhas condicións laborais dignas en dito convenio. O calendario de mobilizacións que ata o de hoxe cumpriu as súas primeiras datas os pasados días 22, 27, 4 e 5, prevé convocar por completo ao sector da metalurxia os días 13, 20, e 27 deste mes de xullo.

Este ciclo de mobilizacións que está a comezar, evidencia a necesidade da organización de clase nos sectores estratéxicos, que se atopan sometidos a unha crecente fragmentación por medio da subcontratación. A estratexia neoliberal atopa a súa oposición nun reponte da actividade sindical e o seu papel como organizadores de clase, así como nun sector insubmiso como o da metalurxia.