Patricia Grela | Galiza non arde, Galiza é queimada. A vaga de incendios das últimas horas deixan un país devastado polo lume e catro persoas mortas, moitas foron evacuadas das súas casas e moitas outras mantense en alerta. Os intereses do capital e un goberno ao seu servizo, poñen en risco a todo aquel que se poña en medio dos seus beneficios.

Nesta fin de semana, Galiza estase vendo afecta por máis de 140 incendios. Un dato terrible de por si, pero máis cando estamos a falar dun mes de outubro que xa duplica as cifras habituais.

Encontrámonos nun dos outonos máis quentes e secos; a falta de chuvias, o vento e o achegamento do furacán Ophelia a Galiza constitúe o peor panorama posible para a extinción de incendios. Sen embargo, esta situación comeza a ser habitual.

A irresponsabilidade do goberno de Núñez Feijóo en materia forestal, agraria e de desenvolvemento rural está a poñer en perigo o noso país e a súa xente, existindo unha correlación evidente entre a virulencia dos incendios e o despoboamento e envellecemento do rural galego.

Tan só pasaron 15 días dende o despedimento dos 436 brigadistas contratados para o plan antiincendios do período estival e dos que o presidente da Xunta asegurou non afectaría na loita contra os lumes e hoxe Galiza está queimada.

A inexistente planificación de prevención e extinción de incendios xunto cunha política forestal baseada na eucaliptización co fin do enriquecemento das grandes empresas madeireiras e celulosas como FINSA e ENCE, están a destruír o medio, a paisaxe e poñendo en perigo á poboación sen ningún tipo de responsabilidade política. Son moitos os intereses económicos e políticos que encubre o lume galego. Esta semana, o Partido Popular impedía a tramitación da modificación da Lei de Montes no Senado proposta polo grupo parlamentario de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea na que se pretendía eliminar os supostos que permiten urbanizar solos forestais devastados polos incendios.

Unha das estratexias da Consellería foi recuperar a política informativa da Xunta de Fraga, na que só se informa dos incendios de máis de 20 hectáreas ou das áreas poboadas ou protexidas polo seu valor ambiental, así como non informar en tempo real. Deste xeito, moitos incendios quedan invisibilizados para a meirande parte da poboación. Nesta ocasión RTVG mantivo un silencio informativo inaudito ata última hora, cando o lume xa rodeaba a cidade máis grande de Galiza, o concello de Vigo, e se coñeceu a aparición de dúas persoas sen vida nunha furgoneta calcinada.

A improvisación constante de Ángeles Vázquez (titular da Consellería de Medio Rural)
en materia de extinción, xa levantara críticas en xullo, cando as entidades que forman o Consello Forestal de Galicia abandonaran o mesmo para denunciar a ausencia do Pladiga (Plan de Prevención e Defensa contras os Incendios Forestais de Galicia) uns días antes de comezar o período de máximo risco de incendios. Denunciaron tamén que a forma habitual de actuar a consellería é impedir a participación das entidades involucradas en dito plan e eliminar toda posibilidade de debate.

Debemos recordar tamén que este mesmo ano, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fixo responsable á Xunta pola morte de dous brigadistas en 2010, por mor da falta de recursos e seguridade.

As promesas electoralistas, as fotos con mangueiras e os lamentos a posteriori non van a salvar a Galiza do lume. Os parches non funcionan cando non existen nin políticas eficaces nin vontade de protexer o medio rural. É o momento de mobilizarnos, pedir responsabilidades e esixir outra política forestal e agraria xunto con plans de prevención e dotación antiincendios eficaces para protexer o país. #lumesnuncamáis

Arde Galiza

Comparte: