Xaquín Pastoriza | Unha marea de dignidade percorreu onte as rúas e prazas de Galiza en protesta contra a Xunta, o Goberno do Estado e as súas políticas neoliberais que causaron a terrible vaga de incendios que asolou boa parte do País.

O Comité en Defensa do Monte Galego convocara concentracións en máis de 30 localidades baixo o lema ‘Lumes Nunca Máis’. Ducias de milleiros de persoas ateigaron e desbordaron as rúas, convertindo en concorridas manifestacións o que nun principio estaba convocado coma concentracións. Dende Compostela, onde unhas dez mil persoas encheron a Praza da Quintana, ata vilas pequenas como A Ramallosa (Nigrán) a raiba, a indignación e a frustración expresáronse de xeito masivo tralo vivido este domingo, onde o pobo galego tivo que botar man de toda a súa capacidade de autoorganización para tentar salvar montes, casas e infraestruturas ante a práctica desaparición do Estado.

As consignas máis coreadas sinalaron claramente aos culpables: “Feijóo, Rajoy, dimisión” esixindo responsabilidades ante a “Incompetencia total”. Cómpre destacar o amplio espectro das persoas asistentes, cunha presenza moi importante de xente moza, moitas das cales participaron en primeira liña nas tarefas de extinción. En moitos momentos a multitude rompía en aplausos como recoñecendo o seu esforzo, que só o pobo salva ao pobo ante a desidia e inacción das autoridades.

Cóbado con cóbado, xuntas, indignadas e orgullosas, as galegas e os galegos manifestamos este luns a nosa raiba, mais tamén a nosa determinación, e continuaremos a expresala mobilizándonos coa vista posta nunha manifestación nacional este domingo 22 en Santiago de Compostela.

Señalando a los culpables