Entrevista a Vicente Vidal, Secretario Comarcal de Industria da CIG en Ferrol. Os traballadores das industrias auxiliares dos asteleiros de Navantia Ferrol están participando masivamente nunha folga indefinida que, no momento de realizar esta entrevista, duraba xa 21 días.

Sabemos que o conflito do naval ven de lonxe. Que o reactivou en Ferrol?

En Ferrol o reactivou estar moitísimos anos cunha carga de traballo case nula debido á crise económica o que provocou preto de 4000 traballadores da industria auxiliar saísen pola porta de Navantia e se foran para a rúa. Esa situación se prolongou durante anos polo que estes traballadores esgotaron as prestacións de desemprego e iso foi un caldo de cultivo para que cando repuntou a carga de traballo nos estaleiros, o INEM e a SEPE fosen a axencia de colocación nestes. Había un montón de operarios moi cualificados onde as empresas que collían as encargas de Navantia podía escoller entre elas pactando unilateralmente as condicións laborais individualmente. Sempre moito máis baixas das que tiñan antes do comezo da crise. O argumento destas empresas era que se non querías ese choio habería centos de traballadores forzados pola necesidade a collelo ao prezo que fora. Despois pasamos polo gran contrato conseguido por Fejóo con México o flotel “Orgullo Petroleiro”, no cal ninguén debería estar orgulloso de como se traballou aí. Navantia permitiu que viñeran empresas de fora, con traballadores en condicións penosas e sen control ningún. O comité de Navantia o único que quería era rematar canto antes porque era un barco político. As empresas argumentaban que Navantia lles ofrecera coller as ofertas á baixa, moi por debaixo de como estaban poxando antes. Iso pasou tamén coas empresas de mantemento. Poñendo aos traballades nunhas condicións pésimas. As empresas collían os contratos en condicións inferiores e iso o trasladan aos traballadores, coa intención de manter os beneficios anteriores. Salarios baixos e horas gratuítas para a empresa. No ano 2014 a finais comezouse a negociar o convenio do metal da Coruña. Iso se prolonga durante case 3 anos. Argumentando que se saía da crise e que eramos “O motor de Europa”, entendemos os sindicatos que estabamos traballando e entendemos que ese reponte debía trasladarse aos salarios dos traballadores. Nese convenio a parte da subida salarial pretendíase introducir unha serie de puntos que evitara a precariedade que tiveron os traballadores dos últimos anos. En Setembro deste ano asinouse por parte de CCOO e UGT un preacordo do convenio do metal e cando nos estabamos facendo asembleas de traballadores para explicar por que non asinabamos ese preacordo e entendiamos que non debiamos asinar o convenio. Intentámolo así para que os traballadores das empresas auxiliares de Fene e Ferrol trasladaran as súas queixas de que nese convenio non viña recollido a obrigatoriedade das empresas que traballan con Navantia en Ferrol e Fene cumpriran cos acordos de 2001. Polo que nesas asembleas o que nos din é que queren recuperalas e que están dispostos a premelos poñéndose en folga. O que nos comentamos é que si os outros sindicatos non aceptan recoller ese guante que nos largan, a CIG inda que sexa en solitario convocaría unha folga para toda a industria auxiliar. E así o facemos, fanse asembleas parciais nos dous estaleiros e en tódolos centros de traballo. Unanimemente deciden solicitar folga indefinida para esixir a recuperación deses salarios perdidos. Esa folga comeza o día 5 de Outubro e ata hoxe.

Que obxectivos pretendese acadar con esta folga?

Os traballadores unanimemente o que nos tramiten é que queren esixir aos empresarios a recuperación dos salarios que se lles quitaron unilateralmente.

Pode facerme un balance da folga e da mobilización do xoves 19?

O balance é espectacularmente positivo, dende o primeiro día a paralización total dos estaleiros de Ferrol. Cinco días co persoal principal e a partir de aí ata hoxe, toda a industria auxiliar. O animo dos traballadores así como a súa presencia nos piquetes durante todos eses días foi moi boa. Incluso coa oposición como por parte da Patronal, dirección de Navantia e de non apoiar esta folga dos outros sindicatos. Os traballadores estiveron 21 días unicamente co apoio deles e da cobertura que lles daba a CIG. O balance negativo está en que durante eses 21 días tivemos a imposibilidade de reunirnos coa patronal e o resto de sindicatos. Porque dende o primeiro día a condición para sentarse a negociar era o levantamento da folga. Cousa que os traballadores rexeitaban. A condición para levantar a folga por partes dos traballadores era que asumiran os acordos de 2001 cousa que non sucedeu.

Considera que os sindicatos estatais UGT e CCOO foron un lastre ante a convocatoria de folga e o están sendo no transcurso da mesma?

Si, absolutamente si. Inda que tódolos sindicatos apoian as reivindicacións que fan os traballadores, non apoian a folga. Eles o que queren é sentarse a negociar, pero sen marcar unhas liñas vermellas de punto de partida. Iso acontece ata antonte día 20 da folga. Onde nos sentamos cos sindicatos intentando chegar a un acordo común para presentarllo á patronal e aí trasladarlles a preocupación dos traballadores e de que concepto salarial queren partir como liña vermella. Dos acordos de 2001, do acordo do metal ou de 0, de onde queren saír. Os outros sindicatos manifestan desacordo co acordo de 2001. Pero ven a necesidade de readaptalos ao 2017 o cal non sabemos que significa. Cunha presión tremenda.

Como e por parte de quen se articula esa votación a favor de desconvocar a folga?

Nos tódolos días de folga facemos una asemblea as 12 para informar de novidades e se é algún tipo de proposta votala. Houbo unha proposta por parte do Consello Galego de Relacións Laborais para suspender temporalmente a folga. Se levou a unha asemblea, se votou e o que gañou foi continuar coa folga. Aos traballadores que non apoiaban a folga non lles valeu porque perderon. Argumentando que ao votar a man alzada os traballadores se condicionaban por quen tiñan ao lado. Polo que promoveron unha votación en furna, dende o primeiro día nós dixemos que non recoñeciamos a legalidade dese referendo. Baseándonos en que non tiñamos uns censos de traballadores, os presentaban as propias empresas, inflados, con xente que nunca traballou nos estaleiros. Votando xefes, socios de empresas, recursos humanos e inversores sen control ningún. Cinco minutos despois do pechar os resultados da votación xa estaban colgados nos xornais. Co cal nós nunca recoñecíamos a validez diso e como non había ningunha nova proposta decidimos continuar en folga.

Xerouse un vínculo entre traballadores de empresas auxiliares e de Navantia? Considera que esta folga axuda a superar esta barreira?

Non se superou ningunha barreira porque dende o primeiro día o argumento por parte de todos foi que isto non era unha folga convocada polos traballadores afiliados a calquera de organización sindical ou sen afiliar a ningún, senón que isto era unha folga da CIG. Isto creou un clima de desinformación que confundiu á cidadanía e aos propios traballadores de Navantia, de que o que estaban reclamando estes traballadores eran os salarios e as condicións dos traballadores de Navantia. E por moito que se explicaba aos medios de comunicación que isto non era así, seguían confundindo á cidadanía con que esta folga era para lograr privilexios e non para recuperar dereitos.

Cales son as perspectivas de continuidade e que accións teñen pensado realizar de cara o futuro? Como ve o futuro do naval en Ferrol?

A perspectiva de continuidade vai moi vinculada ao resultado da votación que se vai facer mañá. Nós imos acatar sempre o resultado dunha votación. Se o resultado é negativo continuaremos na folga tal e como viñemos facendo. Se o resultado é favorable á proposta que fai a patronal, suspenderemos a folga temporalmente para sentarnos coa patronal nesa mesa e co resto de sindicatos por primeira vez, onde podemos plasmar as esixencias dos traballadores.

Se por medio dunha negociación temporal, ao final o resultado non é o que nos marcan os traballadores activaremos outra vez a folga co compromiso por parte do comité de empresa de Navantia Ferrol de que si ese atranco nas negociacións vai por parte dunha proposta conxunta dos catro sindicatos, contaremos co apoio unánime de todo o comité de empresa de Navantia Ferrol e dos traballadores da empresa principal.

Perspectivas de futuro. Imos entrar nunha época de bonanza , xa que actualmente hai contratos e hai perspectiva doutros contratos a medio e longo prazo. O que estamos intentando e mellorar, regularizar e homoxeneizar as condicións da industria auxiliar. A intención é que ningún traballador da industria auxiliar teña que negociar individualmente as súas condicións coas empresas no momento de que eles entran a traballar. Evitar a competencia desleal que se fan entre estas empresas, evitar o abuso en materia de xornada laboral e evitar a discriminación laboral entre os traballadores. Entramos nunha época de bonanza, hai unha perspectiva de traballo futura e entendemos que é o momento de marcar as condicións dos traballadores da empresa auxiliar para que estas sexan dignas.

Comparte: