Patricia Grela | Nos últimos anos o consumo da moda caracterízase pola súa rapidez e baixo custe, aglutinados en dous termos cada vez máis frecuentes: Low Cost e Fast Fashion. Roupa de usar e tirar, prendas a prezos ridículos e un marketing agresivo a través de bloggers e influencers que están a transformar a industria téxtil.

A industria da moda está a xerar uns beneficios multimillonarios en todo o mundo grazas a este novo sistema global que externaliza a súa produción para abaratar custos. Neste modelo, é a empresa galega Inditex quen vai por diante, aumentando cada ano os beneficios, o que converten ao seu fundador, Amancio Ortega, no home máis rico do planeta.

Esta parte da historia é a que se conta nos medios de comunicación tradicionais, incluso fan publireportaxes para contarnos os seus beneficios e bondades continuamente. ¿Pero que hai detrás de Inditex? ¿Como logra xerar grandes beneficios incluso durante as graves crises económicas?

Multitude de ONGs e sindicatos levan tempo amosándonos a cara B do Fast Fashion: explotación laboral, precariedade e contaminación en países do sudoeste asiático e un longo etcétera. O documental Fíos Fóra amosounos unha realidade máis próxima a través do testemuño de costureiras galegas endebedadas pola deslocalización da industria téxtil representada por Inditex.

Hoxe en día, queda pouco desta industria a pesar de que o xigante téxtil mantén a sede no polígono de Sabón, en Arteixo, aínda que segue representando unha gran cantidade de postos de traballo para a comarca a través das empresas subsidiarias.

Outro dos eslavóns esquecidos desta cadea e, sen embargo a máis visible polas consumidoras, é o comercio deste produto. As tendas de roupa das distintas marcas de Inditex que inundan as nosas cidades son parte da paisaxe urbana que homoxenéizan as nosas vidas e culturas a nivel mundial.

As tendas de Inditex son sinónimo de éxito e de beneficios económicos, realidade moi distinta á das súas traballadoras. Neste sector tan feminizado non é casual que a precariedade e a falta de dereitos laborais sexa algo habitual, máis non se soe poñer de relevancia.

Nos últimos días, as traballadoras de Bershka da provincia de Pontevedra deron unha lección de dignidade, forza e valentía; convocando a primeira folga indefinida de Inditex na súa historia e sendo secundada polo 100% da plantilla. A súa reivindicación era tan sinxela e de sentido común, como pedir as mesmas condicións laborais das súas compañeiras da provincia veciña.

Foron días de presións e negociacións coa multinacional que non quería ceder na súa oferta, sen embargo, estas 65 mulleres se mantiveron unidas e loitaron por defender os seus dereitos ata que a noite do venres 3 de novembro, lograron un pre-acordo que foi aprobado por unanimidade en asemblea ao día seguinte.

O acordo levado a cabo entre a empresa e as representantes sindicais da CIG, contempla a incorporación das medidas sociais reclamadas como vacacións, permisos e excedencias, tempo de descanso, lactancia, conciliación familiar e incapacidade permanente, así como a equiparación salarial mediante os pluses que xa cobraban as compañeiras da Coruña.
Tras nove días de folga, estas mulleres demostraron que a unión da clase traballadora pode vencer ás dificultades e acadar acordos beneficiosos, aínda enfrontándose a xigantes como Inditex.

Agora toca esperar que non existan represalias e que se convertan en exemplo para outros sectores e territorios, volvendo a poñer en valor a loita sindical tan apartada nos últimos tempos, amosando unha vez máis que a loita serve.

La huelga de Bershka: lucha feminista y de clase