Patricia Grela | O TSXG ven de aprobar unha sentenza que condena á empresa CLECE a contratar un mínimo de 25 horas semanais as súas traballadoras tal e como marca o convenio colectivo para as profesionais de axuda a domicilio.

O sector do SAD caracterízase polos baixos salarios, unha gran carga de traballo, a insalubridade e a inestabilidade laboral. Prácticamente ningunha empresa do sector cumpre a legalidade establecida, converténdose así nun dos máis precarizados.

Moitas empresas prescinden de realizar contratos, pagando en negro por horas, sen ningún tipo de garantía nin seguridade. Noutros casos, son as propias traballadoras as que optan por darse de alta como autónomas e facturar os seus servizos a modo de subcontrata para poder contar cun seguro en caso de enfermidade ou accidente laboral.

Teñamos en conta que as tarefas que realizan esixen un gran esforzo físico e emocional, sen ningún tipo de atención á prevención de riscos laborais pois nos domicilios non se conta coa tecnoloxía axeitada para desenvolver o traballo dun xeito seguro. Os problemas na espalda e nas articulacións polos pesos que se levantan, a posibilidade de agresións de pacientes psiquiátricos e o estrés froito da acumulación de quendas, dos múltiples desprazamentos entre domicilios con horarios moi axustados e a necesidade de estar sempre dispoñibles ante unha posible urxencia ou a derivación de novos usuarios son habituais neste sector.

O traballo de axuda a domicilio non está nin moito menos regulado, chegando a implicar dende o aseo persoal, á limpeza do fogar ou a cociña ata facer tarefas que sobrepasan as súas funcións e, en moitas ocasións, a propia formación como no caso da administración de medicamentos.

Cando se abaratan os servizos e se provoca unha situación laboral insostible os afectados acaban sendo os usuarios.

Mentres no papel, que todo o aguanta, apóstase por unha intervención domiciliaria para garantir que as persoas poidan residir o maior tempo posible no seu entorno (Lei 39/2006 de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia), os encargados de garantir este dereito non realizan o investimento necesario. Esta situación provoca que as persoas dependentes se vexan forzadas a abandonar os seus domicilios, a procurar servizos privados ou, se non contan con recursos económicos suficientes, esperar no fogar sen recibir os coidados axeitados (con moita sorte, o seu concello lles concederá o apoio durante algunhas horas ao día dunha auxiliar destas empresas).

Non podemos esquecer que moitas das empresas que incumpren sistemáticamente os dereitos das traballadoras teñen concertos públicos ou prestan servizos a través dos cheques asistenciais. Estas non só son consentidoras desta situación, senón que o provocan cuns pregos cada vez máis centrados no aforro económico sen preocuparse un intre polos convenios laborais. Atopar o equilibrio entre a redución da débeda dos concellos e a creación de emprego de calidade é un debate pendente que non acaba de resolver a nova lei de contratacións públicas.

A situación actual dos servizos sociais vese claramente reflectido nos servizos de axuda a domicilio que sofre como ningún outro a eterna loita entre a aspiración de converternos nun Estado de benestar consolidado cunha lexislación que garanta dereitos sociais a toda a cidadanía, e o incesante avance do neoliberalismo que ve nas necesidades das persoas oportunidades de negocio.

Esta ambigüidade tradúcese nunha privatización constante dos servizos públicos. As grandes empresas deciden comezar a inverter en servizos de axuda a domicilio e residencias xeriátricas porque ven nunha sociedade cada vez máis envellecida un negocio asegurado.

A economía feminista e as políticas de coidados teñen moito que dicir nisto. Ninguén pode negar a evidencia de que a feminización das tarefas reprodutivas e de coidados están íntimamente ligadas coa división sexual do traballo e no que as mulleres saen perdendo.

As tarefas de coidados no eido familiar encomendadas ás mulleres van acompañadas dun sistema de servizos sociais baseado na responsabilidade da familia de proporcionar a cobertura de necesidades básicas dos seus membros. Sistema que vese quebrado pola redución do tamaño das familias, a incorporación das mulleres ao traballo fóra do fogar e a súa consecuente liberación deste, a falta de corresponsabilidade familiar e as nulas políticas de conciliación.

As mulleres vense abocadas aos coidados na familia, pero tamén fóra. Os sectores relacionados, dende o traballo en escolas infantís e ludotecas á limpeza de fogares ou os servizos de axuda a domicilio están maioritariamente copados por mulleres, ao mesmo tempo que son sumamente precarios, cando deberan ser centrais nunha sociedade de benestar.

As tarefas pendentes non son poucas nin simples, temos que repensar todo un modelo de estado centrado nos servizos ás persoas, uns servizos sociais no sentido máis extenso do termo.

Unha sociedade baseada na igualdade e no respecto ás clases traballadoras, nunha atención integral ás persoas e nos dereitos sociais e humanos, pasa por traballar para mellorar a xestión dos servizos sen precarizar os empregos e procurando aumentar os dereitos conquistados. Non é unha tarefa sinxela, máis debemos camiñar cara adiante sen perder a perspectiva dos ideais que nos trouxeron ata aquí.

Patricia Grela é militante de Anticapitalistas Galiza.

Los servicios de ayuda a domicilio. La realidad precaria de nuestras cuidadoras (castellano)