Xaquín Pastoriza | Este domingo, as rúas e prazas milenarias de Santiago de Compostela ateigáronse nunha masiva manifestación contra a reforma da Lei de Saúde que quere aprobar a Xunta do PP. Desde todos os recunchos do país, en autobuses ou coches particulares, miles de cidadáns/as, plataformas comarcais e sindicatos acudiron á capital galega para facer oír un berro unánime: defendamos a nosa sanidade pública. A lei de Saúde espertou unha forte contestación social debido ao impulso que pretende dar ao proceso de privatización que leva anos aplicando o PP na nosa terra, coa supresión de áreas sanitarias, o desmantelamento de hospitais comarcais e a privatización do I+D+i, acabando coa participación social no control da Sanidade Pública Galega. Estes últimos meses, miles de usuarios/as e profesionais saíron ás rúas en diversas comarcas(A Mariña, Valdeorras, Salnés) afectadas por estes recortes, que acaban favorecendo á sanidade privada, facendo que 86 pacientes derívense diariamente da pública á privada. Os recortes en 3.000 profesionais e 700 camas conduciron este inverno a unha situación de colpaso nos hospitais das principais cidades. A Xunta ao dispor menos recursos, aposta por centralizalos entendendo que así os vai a xestionar mellor, pero o que fai é privar de recursos á periferia, especialmente ao mundo rural.Esta lei supón tamén a entrada masiva de fondos de investimento e empesas privadas, tal e como se fixo coa privatización da xestión do novo Hospital de Vigo, no que a empresa concesionaria construíu un hospital máis pequeno e con menos recursos dos previstos. Profúndase así no modelo neoliberal, converter os servizos públicos en obxecto de negocio, priorizando os beneficios das empresas sobre os intereses do usuario/a.

Pero estes ataques desataron a onda de mobilizacións máis sostida e masiva que viviu Galiza nos últimos anos, desde a xigantesca manifestación de setembro de 2015 en Vigo, con máis de 200.000 persoas nas rúas contra os recortes e a privatización do novo Hospital ata as manifestacións de miles en Ou Barco, A Mariña, Verín, Monforte ou o Salnés, que cristalizaron na manifestación nacional deste domingo. A clave do éxito desta mobilización reside na unidade, unha unidade entre usuarias/vos e profesionais da saúde, entre sindicatos e plataformas, agrupados baixo as siglas da plataforma unitaria SOS Sanidade Pública.

O proceso de mobilización avanza exitosamente, demostrando que detrás da pancarta non hai “cinco ou seis”, como afirmaba o PP. Agora, co debate sobre a reforma da lei, que terá lugar este martes no Parlamento galego, é o momento de manter a presión, a unidade e a masividad e pedir a retirada completa da lei. Non se pode confiar en ningunha maquillaxe nin retoque co que a Xunta poida tentar confundir e dividir. É o momento de desbordar e ampliar a resposta máis aló das canles dunha hipotética negociación. A Xunta do PP non vai renunciar ao seu obxectivo de privatizar a sanidade pública. Nós tampouco renunciaremos a defendela.

 

Masiva manifestación en defensa de la sanidad pública gallega (castellano)