Patricia Grela González | Cinco meses de mobilizacións territoriais e seis xornadas de folga cun amplo seguimento (a pesar do abusivo decreto de servizos mínimos) finalizan co peche dos representantes dos traballadores no despacho do Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, que, ata agora, negárase a recibilos. O persoal de ambulancias da Galiza comezou as xornadas de folga a mediados de febreiro para exixir avances nas negociacións dun convenio caducado dende fai máis de dous anos, mentres a Xunta poñíase de perfil nun conflito no que ten unha parte de responsabilidade.

As adxudicacións dos lotes low cost non son rentables, polo que a patronal optou por recortar en dereitos laborais e incumprir as súas obrigas para dar un servizo de calidade. Isto xa fora advertido polos sindicatos e do que se aproveitaron tanto a administración como as empresas. Estas últimas reclaman a suspensión dos convenios laborais para reducir os salarios ata un 25 %, o que podería supor unha rebaixa de 400 euros ao mes.

Neste tempo o conflito foise endurecendo polo constante acoso e derribo por parte da patronal, chegando a sancionar con acusacións falsas e indiscriminadas co obxectivo de amedrentar ao persoal.

Por outro lado, os continuos incumprimentos das normas hixiénico- sanitarias, como a desinfección dos uniformes dos seus traballadores e traballadoras, están facendo cada vez máis difícil a labor dos técnicos obrigándoos, incluso, a traballar coa súa roupa persoal (os doentes chegan a atoparse situacións inverosímiles onde o persoal da ambulancia vai en pantalón curto ou camisetas de tirantes).

Esta loita procura frear a precarización do servizo de transporte sanitario que ve como as empresas recorren ás contratacións en prácticas para cubrir os cadros de persoal, polo que os novos traballadores e traballadoras baixo este réxime cobrará un 60 % do salario o primeiro ano e un 75 % o segundo, traballando a xornada completa como os seus compañeiros.

Ao mesmo tempo que se recortan as condicións e dereitos laborais, os servizos están a aumentar ata un 20 %, o que fai que a plantilla sufra unha sobrecarga de traballo insoportable, demostrada polo aumento de baixas laborais derivadas do sobre esforzo.

Se a Xunta segue facendo oídos xordos, favorecendo ás grandes corporacións, deixando de lado a precarización do servizo (tanto de urxencias como de transporte sanitario programado) e sen facer nada ante os incumprimentos laborais, o conflito está lonxe de solucionarse. De continuar así, está previsto iniciar una folga xeral en setembro ata lograr un acordo que garanta a calidade dun servizo sanitario esencial para a cidadanía e unhas condicións laborais dignas para o persoal.

Comparte: