Patricia Grela | Fai uns días falamos con Pilar e Montse, representantes da CGT en Atento Coruña, sobre os motivos das mobilizacións que teñen lugar cada luns dende o 28 de maio.

A precariedade no telemarketing é algo inherente ao sector, pero dende fai un tempo o ambiente laboral en Atento converteuse en irrespirable. A CGT, a nivel estatal, mobilizouse todo este tempo sen ningún apoio do resto dos sindicatos aínda habendo despedimentos. Agora, o comité de Coruña mobilizase, por primeira vez en moito tempo, porque xa non aguantan máis. O constante goteo de despedimentos, a presión da mutua para dar altas, o acoso constante ás traballadoras e o incumprimento do convenio en materia de vacacións foron as gotas que colmaron o vaso.

As delegadas definen a situación como «un ambiente de guerra constante» no que non poden ceder nin un minuto. Tombáronlles de varios xeitos os atropelos laborais e agora a empresa procura novas estratexias. Os despedimentos a contagotas é unha das formas de atemorizar ao persoal. Na Coruña levan 20 despedimentos nos últimos meses dos máis de cen a nivel estatal. Utilizan a reforma laboral para atopar causas como os despedimentos pola acumulación de baixas de curta duración. Non esquezamos que neste sector a súa principal ferramenta é a voz, polo que é común que un resfriado ou unha farinxite impídelles traballar. Máis tamén utilizan causas inventadas para desfacerse de xente, aínda sabendo que en canto chegue ao servizo de mediación (SMAC) serán recoñecidos como improcedentes. «Non lles importa, agora o despedimento é practicamente gratuíto. O que procuran é dificultar a labor sindical tardando en notificar os despedimentos para que prescriban e non se poda facer nada» comenta Montse.

Teñen a lección aprendida. En 2014 a CGT, grazas á mobilización, tombou un ERE amparado por CCOO e UGT que afectaba a máis de 800 persoas a nivel estatal. Ao ano seguinte volveron a intentalo cun ERE encuberto que tamén foi paralizado grazas á presión dos traballadores. «Convencimos á xente da importancia de volver ao posto de traballo e agora os compañeiros e compañeiras readmitidos seguen traballando, a pesar do duro do posto e do medo ás repercusións» recorda Pilar.

Estes despedimentos teñen varios obxectivos. Primeiro, desfacerse de persoal antigo e precarizar os novos postos. Pero tamén amedrentar aos traballadores e traballadoras para que estean calados. «O persoal ten tanto medo que fan que vaiamos a traballar enfermas para non coller unha baixa que poidan utilizar para despedirnos». O absentismo en Atento está relacionado co propio traballo: as baixas son motivadas por temas de estrés e derivadas das malas condicións laborais. Pilar laméntase de que «a empresa en vez de intentar mellorar as condicións para disminuír ese absentismo prefire despedir e asustar ás traballadoras para evitar que se collan baixas ou que teñan que coller días de vacacións».

Tamén despiden a persoas de baixa de larga duración aínda que sexan improcedentes. «O que fan é mandar unha mensaxe aos traballadores de se te colles unha baixa vou a por ti, facendo que aumente o estrés e a tensión».

A precarización tralos despedimentos vén en forma de contrato. Os novos postos teñen peores condicións (contratos de menos horas, categorías laborais máis baixas, horarios máis complicados…), pero por outro lado está o aumento da carga de traballo para os antigos porque se teñen que facer cargo dos postos eliminados. «A carga de traballo é cada vez maior, levamos moitos anos pedindo un tempo entre chamadas porque queda traballo pendente para pechar as incidencias, ou incluso para beber. Agora xa non somos nós os que descolgamos a chamada, agora está informatizado polo que as chamadas son seguidas e ás veces estás tusindo cando entra a comunicación cun novo cliente» explícannos.

Non só utilizan os despedimentos e a sobrecarga de traballo como estratexia de presión. Dende fai un ano ás sancións disparáronse nunha empresa na que apenas se utilizaban. «Por poñer un exemplo, no departamento comercial, que non é exclusivamente de vendas senón que deben recepcionar as reclamacións dos clientes, son sancionadas por non ofrecer produtos. A traballadora pode xestionar axeitadamente a reclamación, deixando ao cliente satisfeito ou evitando que se altere máis do debido. En situacións nas que non sería sensato ofrecer novos produtos, á traballadora lle pode caer unha sanción de varios días de suspensión de emprego e soldo. Imaxina o que iso supón nun emprego no que o salario ronda de media os seiscentos ou setecentos euros cunha xornada de 35h semanais. Cada vez hai máis presión e che esixen cousas tan surrealistas como que o departamento técnico non abra avarías, pero que quede contento e que non chame en 7 días. Temos instrucións que van en contra dos clientes» dinos Montse.

Esta situación vén pola modificación da política de incentivos. Montse explícanos que «antes os incentivos por cumprimento de obxectivos en Atento non chegaban a quince ou vinte euros. Este ano pasou de ser algo que si cumprías podías cobrar incentivos a ser motivo de sanción e incluso de despido. Cando non cumpres os obxectivos métenche no que chaman plans de seguimento, que consiste en estar vixiada todo o día, o que supón .unha presión engadida, unha nova forma de acoso».

Atento non se limita só a despedir aleatoriamente, senón que intenta que abandonen os postos por vontade propia utilizando medidas de presión e acoso. Pilar recorda que «neste último ano poden chegar a cincuenta, sesenta persoas as que se foron por estes motivos. En dous anos a plantilla reduciuse preto de cen persoas entre despedidos e forzados a irse». E a lexislación laboral púxollo fácil aos empresarios dándolles ferramentas para a precarización colectiva mediante as modificacións substanciais (cambios de horarios, de quendas, reducir xornadas, ter quendas que non son compatibles coa vida persoal).

O motivo do endurecemento de estratexias de acoso en A Coruña é que ao ser un dos centros máis antigos os dereitos adquiridos dos traballadores son maiores, teñen máis contratos de xornada completa, categorías laborais altas…

A pesar de que a situación leva case un ano sendo insostible en canto a despedimentos, o comité sindical de Atento Coruña decidiu mobilizarse agora debido a outra nova medida de presión da empresa. A través da mutua, forza o reingreso do persoal de baixa ou evitan realizar exploracións de enfermidades laborais como os nódulos de garganta. «A mutua evita mirarte e che manda ao SERGAS para non darte unha baixa por enfermidade laboral ou propón a túa alta ao médico de familia ou a inspección sen dicirte nada a ti» critica Pilar.

Outro dos motivos para a folga e os paros que están levando a cabo durante este último mes, son as vacacións de este ano. Montse nos explica que «o centro impuxo un procedemento para solicitalas que incumpre o convenio en aspectos como que no verán tes 14 días de vacacións. Segundo a empresa, este ano o período estival son 4 meses e aínda enriba denegan as solicitudes das vacacións continuamente porque teñen que ser de común acordo ou che impoñen as datas incumprindo o convenio. A estas alturas aínda hai xente que non sabe cando ten o seu período de descanso no estío».

Os motivos son máis que suficientes para reivindicar os dereitos dun sector abandonado a súa sorte polo sindicalismo máis tradicional. A pesar de que o panorama parece «bastante negro», Montse e Pilar recoñecen que son moitas as batallas gañadas: «Temos conseguido moitas cousas coa CGT, tanto na Coruña como a nivel estatal, a través de demandas e sentenzas favorables. O que nos pesa é que todo o que conseguimos non teña sido froito dunha mobilización o suficientemente importante como pasa noutros sectores. Dende o noso punto de vista, a loita sindical perde porque se fixa a idea de que o sindicato o arranxa cunha demanda en vez de a través da mobilización».

Son moitos os obstáculos aos que se enfrontan día a día. A represión sindical contra os representantes da CGT en Atento van dende suspensións de emprego e soldo por unha postura sindical que nada tiña que ver co desempeño do seu traballo ata o despido dunha das delegadas. «É unha batalla constante na que non podemos pasarlles nin unha. Teñen como obxectivo agotarnos e facernos vivir nunha tensión diaria para que nos acabemos dobregando».

A desmobilización xeneralizada e os pactos entre os grandes sindicatos e a empresa son dificultades engadidas para lograr bos convenios que supoñan melloras substanciais nas súas condicións laborais. Montse e Pilar laméntanse da falla de loita da clase traballadora, en especial neste sector: «As mobilizacións teñen un apoio desigual. Aquí na Coruña si son secundadas, pero os sindicatos pactistas obstaculizan moito a labor sindical. O modelo tradicional de sindicalismo nos perxudicou moito, esa concepción do sindicato como “xestoría”, esa idea de “eu voto ou afíliome para que me resolvas os problemas”, é delegar a loita noutros. O sindicalismo pactista nos perxudica diariamente, esa diferenza que fan entre representantes e traballadores é terrible». «É obvio que alguén ten que asumir a figura de dar máis a cara ou de asumir a responsabilidade de certas cousas, pero son miñas compañeiras, aféctannos as mesmas cousas» indica Pilar.

Montse cree que ter que dar as grazas á xente por acudir ás mobilizacións é parte desta concepción. «Moléstanos especialmente, é como se non estivesen loitando polos seus propios dereitos».

Teñen por diante un calendario de mobilizacións con paros parciais e folgas por tempo indeterminado, pois saben que aínda que gañen esta batalla deberán seguir loitando por un sector precario creado por un sistema capitalista voraz.

Temos como reto lograr unha cultura sindical baseada na participación e no fortalecemento da clase obreira que permita poñer os dereitos das persoas por enriba de intereses económicos e da explotación inesgotable do sistema no que vivimos. O exemplo do persoal de Atento como o de moitos outros, fainos ver a necesidade de repensar o sindicalismo de clase, precisamos avanzar cara un sindicalismo horizontal e democrático, lonxe das grandes cúpulas e pactos de despacho, un sindicalismo con capacidade de adaptarse aos novos sectores e de crear poder popular.

Comparte: