Patricia Grela | Este sábado milleiros de persoas mobilizáronse en A Coruña para arroupar aos traballadores e traballadoras da empresa de aluminios Alcoa na súa loita fronte o posible peche da fábrica.

Non é a primeira vez que a cidade se bota ás rúas para defender a dignidade dos case setecentos traballadores e traballadoras que Alcoa pretende despedir nas fábricas da cidade e de Avilés. No 2014 a multinacional americana xa ameazara cun ERE previo ao desmantelamento dos dous centros.

Nesta ocasión xunto co persoal de Alcoa Inespal Coruña, estiveron traballadoras dos centros de Avilés e San Cibrao que entenden a importancia da unidade de clase nestes momentos tan duros. A cidadanía volcouse ante o drama que supón unha perda tan importante de postos de traballo, pero tamén contra a liquidación do tecido industrial da comarca.

A primeira das manifestacións e actos previstos contou coa presenza de representantes de todos os partidos políticos, incluído o Partido Popular, cunha grande responsabilidade no que está sucedendo. Recordemos que foi o goberno de Jose María Aznar o que vendeu a empresa pública de aluminios Inespal á xigante americana no ano 1998. Os beneficios acadados e as importantes axudas públicas recibidas(máis de mil millóns de euros) non lles impediron presentar expedientes de regulación de emprego e ameazar continuamente co peche dunhas factorías obsoletas por falta de investimento.

Asistimos unha vez máis a unha privatización dos beneficios (máis de douscentos millóns en 2017) a costa de que as traballadoras paguen cos seus postos de traballo unha recolocación internacional pretendida pola empresa para acadar aínda máis beneficios. Eisí o funcionamento dun capitalismo depredador que utiliza o peche de empresas como arma para incrementar o prezo das súas accións nos mercados internacionais sen importar deixar a centos de familias sen futuro

Por iso, as traballadoras de A Coruña e Avilés, fartas desta chantaxe, dixeron basta, e iniciaron un ciclo de mobilizacións para evitar o desmantelamento das plantas, esixindo a intervención das administracións públicas para acadar unha solución. Sen embargo, é da forza colectiva das traballadoras da que xurden alternativas que van máis alá da defensa dos postos de traballo, como a demanda de nacionalización da empresa, así como de todo o sector enerxético, para conseguir tarifas que non afoguen o tecido industrial. Estas consignas animan a estender a loita e impulsar a mobilización a niveis máis altos. Porque como se puido comprobar hoxe en A Coruña, as traballadoras e traballadores de Alcoa non están soas.

 

Versión en castelán:

Manifestación en A Coruña en apoyo a las y los trabajadores de Alcoa. ¡Alcoa no se cierra!