Folga do persoal das contratas de Repsol contra a sinistralidade laboral

Redacción Galiza | Este venres día 1, acompañamos aos traballadores e traballadoras das auxiliares da refinaría de Repsol en A Coruña nunha dura manifestación para esixir unha investigación rigorosa do accidente laboral que acabou coa vida de Unai e a hospitalización de Óscar, que continúa recuperándose.

A denuncia contra un sistema que pon os beneficios por enriba das vidas da clase obreira foi a clave de varias xornadas de folga dun persoal que denuncia que Repsol subcontrata os traballos de mantemento para aforrarse custos en prevención, seguridade e formación e desentenderse así da sinistralidade laboral. Precisamente, é nas paradas de mantemento cando teñen lugar un maior número de accidentes laborais na refinaría e os traballadores e traballadoras das industrias auxiliares, encargados destas labores, teñen medo ante a falta de seguridade.

Este conflito comezaba o sábado co accidente laboral que tivo lugar durante as labores de mantemento na área de reconversión da refinaría e que deixaba inconscientes a Unai e Óscar por inhalación de gases. Nese momento, a actuación de Repsol e a delicada situación dos compañeiros comezaba a quentar o ambiente entre o persoal das contratas, situación que empeoraría o martes tras coñecer o falecemento de Unai.

O mércores, a asemblea de traballadores e traballadoras decide ir á folga cunha táboa reivindicativa de 10 puntos na que se solicitaba, entre outras cousas, participar na comisión de investigación para garantir que fose pública, transparente e exhaustiva, que depurara todas as responsabilidades do sinistro, pero tamén que se avanzase nas medidas en materia de prevención que garantan a seguridade e a saúde laboral. O persoal teme que a investigación levada a cabo por Repsol non sirva para mellorar a situación, senón para calar tanto á familia como aos traballadores e traballadoras e, como aconteceu noutras ocasións, acaben trasladando ás vítimas toda a responsabilidade do sinistro.

A negativa de Repsol a aceptar as reivindicacións acolléndose á subcontratación para lavarse as mans e non asumir ningunha responsabilidade do que acontece nas súas instalacións, levou ao persoal a continuar a folga e as mobilizacións durante toda a semana.

A situación de precariedade que soporta o persoal das contratas que traballa durante as paradas técnicas que realiza a factoría para levar a cabo os traballos de mantemento, vai moito máis alá do salarial. Os traballadores e traballadoras sofren grandes presións para desenvolver a súa labor xa que os prazos son moi curtos, non reciben a formación necesaria para facer o que lles esixen, non contan con medidas axeitadas de evacuación e emerxencia ou con protocolos para desenvolver o seu traballo con seguridade, nin cobran os pluses de perigosidade, penosidade e toxicidade por parte das súas empresas.

O xoves acadaban un acordo coa multinacional para contratar un servizo de ambulancia con persoal médico dispoñible na factoría 24h durante os 7 días da semana, ademais de aumentar os equipos de detección e respiración autónoma. Isto demostraba que a presión da folga comezaba a ter efectos.

Malia os progresos nas negociacións, a confianza do persoal con Repsol queda moi mermada, polo que o venres antes da manifestación que sairía da entrada da refinaría ata a Delegación do Goberno, entraron a comprobar o cumprimento das promesas da multinacional petroleira, decidindo en asemblea continuar co paro e as mobilizacións previstas para ese día.

Esa mesma tarde, as distintas asembleas de cada contrata decidiron desconvocar á folga para o luns, día que terá lugar a primeira reunión da comisión intercontratas formada por representantes do persoal e das auxiliares, contando coa presenza de Repsol. Nesta comisión que terá periodicidade semanal, vixiarán os avances e tratarán de mellorar en todas as cuestións relativas á seguridade e a saúde laboral.

Ninguén pode desfacer a morte de Unai, pero a loita dos seus compañeiros e compañeiras está servindo para establecer medidas de seguridade e que Repsol asuma a precariedade á que somete ás contratas como principal factor da sinistralidade laboral.

A loita continúa!

Comparte: